Imagen de cabecera Imagen de cabecera
Acerca da tradución

Vivimos na "sociedade da información", nun mundo cada vez máis globalizado e interconectado. De aí que a comunicación rápida e eficaz de toda clase de información cobrase tanta importancia en todos os ámbitos.

O papel dos tradutores como mediadores entre emisores e receptores de información escrita en idiomas diferentes é, neste sentido, fundamental para que a dita comunicación se produza e obre os froitos esperados.

En que consiste traducir?

Como mediador no acto comunicativo, o tradutor ha de ter en conta moitos factores ao transmitir esta mensaxe. Isto é precisamente o que fai da tradución un labor arduo e que consiste en algo máis que "saber dous idiomas". Os principais factores que analizar cada vez que se aborda un encargo de tradución son:
  • O campo de especialidade e o grao de especialización
    Trátase dun texto xornalístico, sobre tecnoloxía, ciencia, economía, xurídico, comercial, administrativo, publicitario, literario...? Unha vez delimitado o campo ou campos de especialidade, determínase o grao de especialización: é un texto xeral, divulgativo, semiespecializado ou especializado-académico?
  • A tipoloxía textual
    Dentro do campo de especialidade identificado, que texto en concreto se vai traducir?, unha carta comercial, un contrato, un informe médico, un artigo científico, un folleto publicitario...?
    Identificar a tipología textual é esencial para enfrontar unha tradución de forma axeitada e tomar a cada paso as decisións correctas, pois permite coñecer ou, se non consta expresamente, supoñer cunha gran probabilidade de acerto quen escribe o documento (emisor), para quen o escribe (receptor) e para que o escribe (función).
    Permite, ademais, prever que estrutura e forma de redacción deberá ter na lingua de chegada. Por exemplo, a estrutura e fórmulas dunha carta comercial escrita en alemán e doutra escrita en castelán presentan importantes diferenzas que han de terse en conta e reflectirse no texto traducido.
  • A terminoloxía
    ("Conxunto de termos técnicos propios dunha determinada ciencia, arte, etc.", DRAG en liña) empregada deberá ser acorde tanto co campo de especialidade coma co grao de especialización do texto. Así, ao traducir un artigo científico divulgativo deberá empregarse unha terminoloxía, aínda que propia da especialidade, máis "xeral" ou recoñecible para todo o público que nun artigo sobre a mesma materia publicado nunha revista especializada. Obviamente, na exactitude da terminoloxía está a clave dunha tradución fiel e eficaz.
  • O rexistro
    Trátase do grao de formalidade ou informalidade da expresión, que se decidirá en función do grao de especialización, do tipo de documento en concreto de que se trate, do obxectivo que se pretenda alcanzar con este e dos participantes do acto comunicativo.
    Ninguén dúbida, por exemplo, de que o grao de formalidade dunha sentenza debe ser máximo. Con todo, na linguaxe publicitaria varía considerablemente o grao de formalidade en función do tipo de medio publicitario e do público destinatario.
  • A cultura.
    Os idiomas son, non se debe esquecer, a máxima expresión da cultura que os usa para comunicarse. Cada cultura é única, e malia que o grao de proximidade entre unhas e outras varía, sempre existen diferenzas.
    Para que un texto A, escrito nunha lingua A e, polo tanto, pertencente a unha cultura A, poida surtir exactamente o mesmo efecto e transmitir exactamente a mesma mensaxe nunha cultura B, o tradutor deberá salvar as diferenzas culturais no texto B escrito na lingua B, adaptándoo aí onde sexa preciso sen deixar de transmitir coa maior fidelidade posible tanto o contido (mensaxe) do texto A coma a súa forma. Conservar a "forma" do texto A implica escribir un texto na lingua B que manteña na medida do posible a forma de expresión, o ton, o grao de formalidade, etc. pero que -e aquí está o quid da cuestión- non pareza en ningún momento unha tradución. Dito doutro xeito, debe ser un texto autenticamente propio da cultura B, natural na súa expresión, un texto non só comprensible senón tamén familiar para os lectores da cultura de chegada.

De todo o explicado anteriomente dedúcese que a tradución é moito máis que expresar nunha lingua B un texto escrito nunha lingua A. é un proceso complexo, laborioso, esixente e que require unha intervención constante, activa, informada, e prudente do tradutor, como mediador comunicativo, para que o resultado sexa o máis satisfactorio posible para todos.